Encontro sobre vivenda comunitaria e en cesión de uso no lago Wansee

domingo 7 de xullo do 2024, por Rafa Anido

Durante a primeira semana de abril de 2024, un grupo de persoas de toda Europa reuníronse nunha colonia de vacacións, á beira do lago Wansee, a 30 quilómetros de Berlín, para compartir experiencias sobre proxectos de vivendas compartidasen cesión de uso. Na reunión participaron representantes de iniciativas xa consolidadas comoMoba, rede de cooperativas de vivenda do norte de Europa, La Dinamo, fundación que se encarga de impulsar cooperativas de vivenda en Cataluña, ou Projekthaus Potsdam, un proxecto de vivenda comunitaria que se atopaba a moi poucos quilómetros de nós e que o último día do noso encontro tivemos a sorte de visitar. As fotos que podes ver neste artigo corresponden ao propio Projekthaus Potsdam. Xunto a estes representantes tamén acudiron ao encontro persoas de toda Europa (Portugal, España, Grecia ou Italia), participando en iniciativas que aínda están dando os primeiros pasos dos seus propios proxectos.

Projekthaus Potsdam | Fotografía de Offene Werkstätten

O sistema de vivenda compartida en cesión de uso baséase normalmente nunha organización social, como é a cooperativa, que busca facilitar o acceso a vivendas asequibles ás socias da cooperativa. Este modelo concibe a vivenda como un ben de uso fóra da especulación do mercado, a propiedade da vivenda, que pertence á cooperativa ou entidade social, é de carácter colectivo e desenvólvese no tempo máis aló do destino vital dos seus ocupantes, permanecendo a propiedade das vivendas dentro do patrimonio da cooperativa. Os habitantes ou usuarios gozan dun dereito de uso indefinido sobre a vivenda aboando unha cota inicial (que poden recuperar se algún día deciden marchar) e unha mensualidade fixa. Polo tanto, non só é unha opción de vivenda segura e asequible para os actuais habitantes senón tamén para os futuros habitantes das xeracións futuras. Neste réxime, é a cooperativa ou entidade social propietaria do inmoble a que busca o financiamento necesario para construír ou reformar a vivenda colectiva, que normalmente se divide en aloxamentos individuais aínda que con elementos de uso e explotación común para o colectivo. Isto fomenta a vida comunitaria, xa que as decisións sobre a convivencia común tómanse en asembleas periódicas que reforzan as relacións entre os habitantes.

O modelo máis coñecido creouse na propia Alemaña a partir do Mietshaüser SyndiKat, unha entidade instrumental que a finais de 2022 contaba con 1.300 socios, dos cales 200 eran edificios de vivendas colectivas en cesión de uso. Os habitantes da casa teñen o poder de organizarse, no sentido de establecer as normas de como convivir na casa. Eles deciden quen vive alí, como se reforma a vivenda ou cal será a taxa que pagará cada habitante ou unidade habitacional.

Encontro en Projekthaus Potsdam | Fotografía de Offene Werkstätten

Durante os 8 días que estivemos no lago Wansee, as aproximadamente 16 persoas de toda Europa, que compartiron xornadas, incluíndo almorzo, xantar, cea e algunha que outra celebración, foron testemuñas das presentacións que nos fixeron os membros de Moba ou a Dinamo, compartimos as nosas experiencias e dúbidas sobre a realización de proxectos de vivenda colectiva e creamos a nosa propia cooperativa sen ánimo de lucro “Community-led Houses Europe” por iniciativa do anfitrión do encontro Peter Kämmerling, buscando crear unha rede de vivendas comunitarias en cesión de uso ao longo de toda Europa, financiamento para as mesmas, transmisión de coñecemento e apoio mutuo.